Lugo debe ser prioritario na Eurorrexión

Xoves, 10 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, os rexedores de Monforte, José Tomé Roca, e a de Sarria, Pilar López, e o Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, reivindicaron e argumentaron hoxe a necesidade de que de a provincia de Lugo sexa prioritaria na Eurorrexión. Fixérono tras unha xuntanza de traballo na que valoraron que esta medida é fundamental, non só para Lugo, senón para toda Galicia.

Na reunión, quedou de manifesto a necesidade de que a provincia de Lugo teña un papel máis activo na economía da Eurorrexión para o que se precisa, entre outras cuestións, conexións ferroviarias modernas. Neste senso, demandaron como prioridade “a conexión ferroviaria entre Lugo e Ourense”.

Sinalaron que o Porto Seco de Monforte é un dos eixos do seu desenvolvemento, xa que sería o nodo loxístico dos transportes de mercadorías dende e cara os portos galegos de Interese Xeral do Estado (Vigo, Marín-Pontevedra, Vilagarcía, Coruña e Ferrol-San Cibrao), que no pasado 2015 moveron, no seu conxunto, un total de 34 millóns de toneladas.

Ademais, o nodo loxístico de Monforte permitirá que as mercadorías enlazasen por ferrocarril en Palencia coa liña de alta velocidade para mercadorías entre Aveiro-Salamanca-fronteira francesa e o resto de Europa, considerada prioritaria pola UE  dentro da Rede Europea de Transportes, o que o fará máis competitivo. Deste xeito sumaríanse asísinerxías cos portos que estarán en mellor disposición de captar novos tráficos marítimos que naveguen dende Asía polo novo Canal de Panamá.

A Alcaldesa de Lugo subliñou a importancia de “buscar alianzas e sinerxias” co Eixo Atlántico como as acadadas hoxe co fin de que a cidade e a provincia de Lugo “avancen en materia de infraestruturas, sobre todo ferroviarias, para desenvolver as potencialidades estratéxicas de Lugo e tendo en conta o declive continuado e a discriminación á que os Gobernos da Xunta e do Estado viñeron sometendo nos últimos anos aos lucenses neste eido”.

O Alcalde Monforte, José Tomé Roca, lembrou que o tren sempre foi fundamental para o desenrolo e a vertebración da provincia, e denunciou que a dia de hoxe esta infraestrutura viaria esta abandonada e esquecida polo Goberno de Feijoo.

Os representantes anunciaron ademais que están a traballar para que a cidade de Lugo acolla a sede dos xogos do Eixo Atlántico, que se celebrarán no 2017.

Noticias relacionadas