Lugo inicia a 10ª edición de Xirakarting, unha actividade familiar para gozar da experiencia de pilotar un kart

A Alcaldesa participou este venres na carreira que deu o pistoletazo de saída a esta actividade que estará instalada ata domingo na Praza Horta do Seminario, de 12:00 a 14:30 e de 16:30 a 21:30 horas

Venres, 27 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo inicia a 10ª edición de Xirakarting, unha actividade familiar para gozar da experiencia de pilotar un kart

Lugo iniciou este venres a 10ª edición de Xirakarting cun circuíto instalado na Praza Horta do Seminario, onde permanecerá ata o domingo. Dende as doce da mañá e ata as dúas da tarde, e de 16:30 a 21:30 horas, público de todas idades poderán probar a experiencia de pilotar un kart de carreiras grazas a esta actividade pioneira do kárting móbil en Galicia, coa que colabora o Concello. A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este venres na carreira que deu o pistoletazo de saída a esta cita, nun recorrido deportivo no que tamén participou o director de márketing e o delegado en Lugo de Gadisa, Antonio Cortés e Gonzalo Corredoira, respectivamente; así como o xefe provincial de deportes, Manuel Otero. Dito encontro foi presenciado pola directora de RGM Eventos, Raquel González.

Xirakarting é unha actividade dirixida tanto aos máis cativos como a adultos, que pretende achegar, a través de circuítos urbanos de karts, o mundo do motor ás familias de xeito económico. Tras pasar por Lugo, desprazarase a Ourense, Santiago, Ferrol, A Coruña e Vigo. A entrada de adulto custa 10 euros e a dos cativos, 7 euros. Pódense conseguir descontos nas redes sociais oficiais de Xirakarting e invitacións e vales en Gadis, das que deu conta Antonio Cortés. Ademais existen promocións para familias, mozos, grupos e para conductoras.

Noticias relacionadas