O Concello de Lugo manterá a media hasta as bandeiras nos edificios municipais en sinal de dó durante o mes de maio

A alcaldesa, Lara Méndez, proporá á Corporación a aprobación dunha Declaración Institucional en memoria das vítimas, así como en recoñecemento das mostras de responsabilidade da cidadanía lucense e para agradecer o labor dos profesionais que coidan a poboación nesta pandemia

Venres, 01 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo manterá, durante todo o mes de maio, as bandeiras dos edificios municipais a media hasta en sinal de dó coincidindo co loito oficial decretado onte polo executivo autonómico.  

Esta mesma mañá un ordenanza municipal procedía a baixalas do mastro na Casa Consistorial e tamén na sede administrativa do Seminario, nun xesto público de solidariedade e afecto da veciñanza lucense con todas aquelas persoas ás que esta crise sanitaria afectou, de maneira irreparable, pola perda dos seus seres queridos.

Ademais de efectuar estas indicacións, a alcaldesa, Lara Méndez, anunciaba que proporá ao resto da Corporación a aprobación, durante o vindeiro Pleno ordinario, previsto para o próximo día 28, dunha Declaración Institucional en memoria das vítimas da pandemia, pero tamén para expresar o recoñecemento á poboación lucense pola mostras de responsabilidade amosadas durante as semanas de confinamento e para agradecer o esforzo de todos os profesionais que prestan os seus servizos en todas as áreas no coidado da cidadanía, asumindo incluso riscos para a propia saúde.

Noticias relacionadas