O Concello homenaxea á piragüista Tania Fernández e á judoca Sara Álvarez pola súa brillante traxectoria

Martes, 22 de xaneiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello homenaxea á piragüista Tania Fernández e á judoca Sara Álvarez pola súa brillante traxectoria

A Alcaldesa, Lara Méndez, presidiu este luns a recepción ofrecida pola Corporación municipal no Salón de Plenos ás deportistas lucenses Tania Fernández, piragüista, e Sara Álvarez, judoca, en homenaxe e recoñecemento á súa brillante traxectoria, chea de “esforzo, traballo, ilusión e superación”, asegurou a rexedora. “Cando estamos a piques de volver á Feira Internacional de Turismo –Fitur- para promocionar Lugo, hai que subliñar que o deporte forma parte central da nosa carta de presentación como cidade”, asegurou Méndez, quen ademais puxo en valor que actos como o de hoxe contribúen a visibilizar e recoñecer o deporte feminino.

Tania Fernádez comezou na práctica do piragüismo no 2011 nos cursos de verán organizados polo Club Fuvial en colaboración co Concello. No 2009 comezou a ser chamada polo equipo nacional para participar en numerosas competicións nacionais, europeas e internacionais, ata que no 2016 interrompeu a súa concentración para finalizar os seus estudos de Fisioterapia. Nese momento iniciou unha nova andaina na que compaxinou as súas obrigas laborais cos adestramentos, e en 2017 trasladouse a Tui para fichar por un dos clubes referentes nesta disciplina –Club Kayak Tudense- co que volve a competir a nivel nacional e internacional. O pasado ano, entre outros logros deportivos, acadou tres ouros en campionatos de España e a medalla de bronce do Campionato do Mundo de Maratón K2 celebrado en Portugal.

Sara Álvarez, que empezou a súa traxectoria en 1994 no club Judo de Lugo, foi varias veces campiona de España en todas as categorías: infantil, cadete, junior, sub23 e senior, e medallista europea. Despois de múltiples logros deportivos, en 2009 sufriu unha grave lesión de xeonllo no Mundial Junior de París. Recuperouse e volveu a competir acadando de novo a gloria, que tivo o seu maior expoñente no campionato de Europa sub 23 no 2011. No 2014 retirouse da competición por outra lesión no mesmo xeonllo, e no 2018 decide volver a competir con brillantes resultados. Hoxe é campiona de España na categoría Senior de máis de 78kgs.

Noticias relacionadas