O Concello lanza Lugo con corazón para dotar de desfibriladores as instalacións municipais e protexer á cidadanía ante posibles infartos

Lara Méndez presentou o programa municipal, que busca salvar vidas e reducir os efectos dunha parada cardíaca reforzando as accións fóra do ámbito sanitario

Lugo, con 1 desfibrilador por cada 1.342 habitantes, por riba da media de España, de 3 cada 10.000, será a máis cardioprotexida das grandes cidades galegas

A Alcaldesa insta á Xunta a seguir os seus pasos para protexer aos lucenses e “cumprir coa débeda que ten con Lugo ampliando a Hemodinámica a 24 horas”

González Juanatey, xefe de Cardioloxía do HULA, gabou  “como lucense e como médico” o programa, que permitirá “mellorar a asistencia á morte súbita”

Martes, 13 de novembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello lanza Lugo con corazón para dotar de desfibriladores as instalacións municipais e protexer á cidadanía ante posibles infartos

O Goberno de Lara Méndez traballa para converter a Lugo nun municipio cardioprotexido seguindo as pautas europeas coa instalación de desfibriladores automáticos (DEA) en todas as instalacións municipais, tanto urbanas como do rural, para axudar a unha rápida actuación cidadá ante posibles infartos.

A Alcaldesa presentou hoxe o programa Lugo con Corazón, que nace co obxectivo de protexer a poboación ante posibles infartos fóra do ámbito estritamente sanitario. “O noso fin é axudar a salvar vidas e reducir os posibles efectos dunha parada cardíaca promovendo a instalación de desfibriladores nas instalacións municipais nunha primeira fase do programa, que logo estenderemos a outros ámbitos da cidade co fin de crear unha rede de protección o máis ampla posible”, sostivo.

Na presentación do programa, á que asistiron numerosos veciños, Lara Méndez estivo acompañada de Carlos González Juanatey, xefe de Cardioloxía do HULA, o presidente da Cruz Vermella en Lugo, Luis Abelleira, e o presidente da Federación de Veciños, Jesús Vázquez.

Lugo con Corazón inclúe nesta primeira fase a adquisición de 73 desfibriladores, entre eles os fixos para as instalacións municipais e os móbiles para os coches da Policía Local e os servizos de protección á comunicade, así como algúns para ceder de xeito temporal aos colectivos que os necesiten en situacións determinadas. Ademais, incluirá formación do persoal municipal, das empresas concesionarias e de cidadáns voluntarios en reanimación cardiopulmonar (RCP) e DEA, actuacións que se desenvolverán da man da Cruz Vermella, así como accións de coordinación co 061 e campañas de sensibilización e información entre a veciñanza.

O número de desfibriladores en Lugo suporá unha ratio de 1 por 1.322 habitantes, o que converterá Lugo na cidade máis cardioprotexida de Galicia, “e incluso do Noroeste peninsular”, sostivo Méndez. Carlos González Juanatey destacou que “España se sitúa á cola de Europa en canto ao número de desfibriladores. Hai 3 por cada 10.000 habitantes, oito veces menos que países como Suecia, Francia ou Dinamarca”, e lembrou, ademais, que a ratio recomendada por Europa é de 10 por 10.000 habitantes, “na que se situará Lugo”.

Juanatey sinalou a importancia desta iniciativa xa que, en situacións de parada cardiorespitoria, cada minuto que pasa diminúe nun 10% a probabilidade de supervivencia. É dicir, que ao cabo de dez minutos ditas posibilidades son mínimas. “Por iso, a reanimación debe empezarse de forma extraordinariamente rápida e precoz”, apuntou,

O xefe de Cardioloxía felicitou a iniciativa posta en marcha polo Concello de Lugo, “que me enorgullece como lucense e como médico”, sostivo, porque permitirá avanzar na atención da morte súbita, que causa 2.000 falecidos ao ano en Galicia, das que 300 son na provincia de Lugo.

Hemodinámica 24 horas

Lara Méndez instou ao resto das administracións en Lugo a seguir os pasos do Concello nas súas instalacións, especialmente á Xunta “para que dea resposta así as súas propias recomendacións, aprobadas no decreto do 2017, recomendacións que noutras comunidades autónomas son xa unha obriga, como Andalucía, Cataluña, Madrid, País Vasco ou Valencia, que deron un paso máis avanzado que Galicia”.

A Alcaldesa reclamou, unha vez máis, ao Goberno de Feijóo que amplíe o servizo de Hemodinámica ás 24 horas, unha demanda unánime e firme de toda a cidadanía e colectivos de Lugo, “xa que, se a saúde debe ser a prioridade de todas as administracións, aínda máis da Xunta, que ten as competencias para saldar, despois de anos de reclamacións, esta enorme débeda con Lugo”, dixo. “Instamos á Xunta a que siga os pasos de Lugo con este programa e reforce a Hemodinámica, o que permitirá que sexamos realmente un municipio cardiorpotexido ante unha das causas que máis falecementos produce ao ano”, insistiu.

O presidente da Federación de Veciños, Jesús Vázquez, tamén lle reclamou á Xunta a ampliación da Hemodinámica.

Prazos

A Alcadesa avanzou que a intención do Concello é que a instalación dos desfibriladores sexa unha realidade o ano que vén e que á hora de preparar os pregos de licitación contarán co asesoramento de  Carlos González Juanatey. Ao mesmo tempo se traballará en paralelo na formación dos usuarios.

 

Audio

  • A Alcaldesa de Lugo sobre a presentación de " Lugo con corazón" | Descargar mp3

Noticias relacionadas