O Concello repara un colector do saneamento situado no Camiño Primitivo, nas proximidades da Ronda do Carme

A entidade local inviste preto de 10.000 euros nestas tarefas, que arrincaron este venres e que se desenvolverán ao longo da vindeira semana

O Camiño Primitivo permanece pechado ao tránsito peonil ao seu paso pola Ronda do Carme. Os peregrinos deberán empregar rutas alternativas, que transcorren polo Regueiro dos Hortos ou pola Calzada da Ponte

Venres, 08 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello está a acometer a reparación dun colector da rede de saneamento situado no Camiño Primitivo, no treito que discorre entre a Ronda do Carme e a Calzada da Ponte, onde se produciran dous afundimentos do terreo. A entidade local inviste preto de 10.000 euros nestas tarefas, que arrincaron este venres e que se desenvolverán ao longo da vindeira semana, tal e como informou o Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez.

O edil adiantou que coa finalidade de determinar a orixe destes afundimentos, os operarios municipais procederon a realizar o movemento de terras necesario para establecer o alcance do problema, previa solicitude de autorización para a execución destes traballos á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dado que este camiño forma parte do Camiño de Santiago. Tras realizar ditas escavacións, atopouse un colector de saneamento de importantes dimensións, localizando un punto de rotura e atasco, motivo polo que se procedeu a retirar o bloque de formigón que ocasionaba esta obstrución.

Ante esta situación, o Concello procede a acometer de xeito urxente estas obras necesarias para reparar o dito colector, actuacións que pasarán polo recrecido do pozo de rexistro, e a colocación dun cerco e da tapa de fundición, a reparación da conducción mediante o formigonado exterior da mesma para garantir a súa estanquidade e o recheo do desmontaxe executado.

O Camiño Primitivo permanece pechado ao tránsito peonil ao seu paso pola Ronda do Carme durante a execución destas obras de mellora, polo que os peregrinos teñen que empregar rutas alternativas, que transcorren polo Regueiro dos Hortos ou pola Calzada da Ponte

Noticias relacionadas