O Concello saca a contratación 20 prazas de centro de día por 178.000 euros ao ano

A Xunta de Goberno aprobou a licenza para as obras de construción da nova escola infantil da cidade, en Paulo Fabio Máximo, cun orzamento de 712.000 euros e un prazo de execución de 36 meses

En cumprimento dun acordo plenario, o Concello adhírese á Rede de Cidades que Camiñan e designa como representante na mesma ao Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro

Mércores, 12 de xullo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno aprobou este mércores licitar a contratación de 20 prazas en centro de día para a atención de persoas maiores, os pregos de prescricións técnicas e de cláusulas administrativas particulares, e a consignación orzamentaria, que ascende a 177.842,40€ anuais, cun prezo mensual por praza de 741€. Así o anunciou o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen explicou que o contrato terá unha duración de dous anos, coa posibilidade de prórroga por outros dous.

O anuncio de licitación publicarase no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e no Perfil do Contratante, na web www.lugo.gal. O prazo de presentación das proposicións será de 15 días naturais dende a publicación no BOP.

Nos centros de día o pasado ano atendéronse a máis de 100 persoas, entre as dependencias do Antonio Gandoy, con 50 prazas, e os dous concertados, Arroupar e Alalás. Os usuarios poden estar a xornada completa ou a media xornada.

O voceiro do Concello informou por outra banda de que a Xunta de Goberno aprobou tamén a concesión da licenza urbanística para as obras de construción da nova escola infantil da cidade, froito dun acordo de colaboración entre o Concello, a Fundación Amancio Ortega e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. As obras teñen un orzamento de 711.714,97€ e un prazo de execución de 36 meses.

A gardería estará situada na avenida Paulo Fabio Máximo, sobre unha parcela de titularidade municipal de 6.032m2, cedida para este fin polo Concello ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. As novas instalacións, cuxa edificación e equipamento suporá un investimento de 1,5 millóns de euros parte da FAO, darán servizo a 82 nenos e nenas de 0 a 3 anos e estará dividida en seis aulas, dúas por cada franxa de idade, e de espazos comúns, con patio propio e comedor, entre outros.

Outro dos asuntos abordados na sesión da Xunta de Goberno deste mércores foi a actualizacióndas rendas de aluguer de catro vivendas propiedade do Concello, adquiridas no 2010 ao abeiro do convenio de colaboración entre a Xunta e a entidade municipal para desenvolver o Programa de Erradicación do Chabolismo. Os pisos aos que se actualizou a renda están nas rúas Serra de Outes, Santo Graal, Yáñez Rebolo e Río Ser.

A Xunta de Goberno aprobou a prórroga por un ano, ata xuño de 2018, da concesión da cafetería do centro de convivencia da Milagrosa, cuxo canon mensual é de 459,99€, e, por outra banda, desestimar unha solicitude presentadas para retirar a condición de adxudicatario ao seleccionado no proceso de contratación da explotación da cafetería anexa á piscina municipal das Pedreiras, pois a formalización do contrato fóra de prazo alegada non é invalidante da adxudicación, segundo a Lei de Contratos do Sector Público.

Adhesión á Rede de Cidades que Camiñan

En cumprimento dun acordo plenario, adoptado en xaneiro por unanimidade, a Xunta de Goberno acordou adherir ao Concello á Rede de Cidades que Camiñan, e designar como representante na mesma ao Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, ademais de asinar a Carta Internacional do Camiñar. A Rede de Cidades que Camiñan é unha asociación internacional que ten como obxectivo mellorar a situación dos viandantes a través da posta en marcha e o intercambio de iniciativas dirixidas a mellorar a accesibilidade universal, a seguridade vial e o medio ambiente.

Por outra banda, a Xunta de Goberno tomou razón de dúas sentenzas. Unha do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que estima o recurso de apelación presentado polo Concello contra a sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo número 1 de Lugo, e coa que queda denegada a licencia de apertura de museo e sala de exposicións con cafetería no número 9 da Rúa Miño. O outro ditame xudicial foi emitido polo Contencioso Administrativo número 1 de Lugo e supón a ratificación da denegación da licenza para a construción de 74 vivendas unifamiliares en ringleira na Louzaneta.

Reclamación de 9.700€

Outro dos asuntos abordados foi a regularización da situación tributaria de empresas que recibiron unha bonificación do 50% no Imposto sobre Construccións, Instalacións e Obras (ICIO) para a instalación de naves no polígono industrial das Gándaras, tras comprobar se cumpriron ou non co requisito de fomentar o emprego, esixido para obter o devandito desconto tributario. Das 13 bonificacións que foron a Xunta de Goberno, o Concello reclamará a devolución de 7, por un importe total de máis de 9.700€.

Audio

  • O edil Miguel Fernández sobre os asuntos da Xunta de Goberno | Descargar mp3

Noticias relacionadas