O goberno de Lara Méndez estudia coa construción de Lugo, fórmulas para axudar a reactivar o sector en canto a crise sanitaria o permita

A rexedora, acompañada doutros membros do executivo local, propiciou hoxe un encontro telemático para avaliar a situación na que se atopan as empresas do ramo.

Xoves, 16 de abril de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O goberno de Lara Méndez estudia coa construción de Lugo, fórmulas para axudar a reactivar o sector en canto a crise sanitaria o permita

Realizar un seguimento da situación pola que están a atravesar as empresas lucenses dedicadas á construción e coñecer cales son as súas necesidades para traballar conxuntamente na reactivación deste sector no municipio.

Con eses dous obxectivos esta mañá, a alcaldesa, Lara Méndez, acompañada polo concelleiro de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, e pola edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, realizaban dende a Casa Consistorial unha videoconferencia con representantes da APEC.

O encontro enmárcase nas xuntanzas que mantén a rexedora cos distintos sectores de Lugo co ánimo de escoitar as súas demandas e propostas para sobre levar a crise sanitaria e as súas consecuencias.

“Neste momento a nosa máxima preocupación é a de superar, xuntos, esta pandemia actuando da man para minimizar os efectos e os prexuízos que está a ocasionar o confinamento. Por iso, ao tempo que tratamos de superar esta fase, queremos sinalar, unha vez máis, a vontade do goberno local de brindar toda a nosa colaboración para garantir a estabilidade económica do tecido produtivo local, e, polo tanto, das familias lucenses. E, nese punto, é sobre o que hoxe avanzamos, con integrantes da APEC, co fin de abordar as prioridades máis inmediatas do sector que pasan, indubidablemente, pola súa reactivación”, indicou Lara Méndez.

A alcaldesa sinalou que “ese será o obxectivo común que nos una e no que un equipo técnico, creado ao efecto, traballará nas próximas semanas co ánimo de poñer en marcha as propostas recibidas pero sempre tendo en conta que o empresariado da construción disporá do apoio e da axuda da administración local para que, en canto as circunstancias o permitan, poida retomarse con axilidade toda a actividade pendente”, concluíu a rexedora.

Noticias relacionadas