O Goberno mantén a prórroga dos Orzamentos de 2016 e garantirá investimentos a través de modificacións de crédito

A Alcaldesa subliña que o executivo seguirá a traballar con responsabilidade e seriedade para poder ter investimentos e aplicar os fondos europeos, unha vez que, tras meses de negociación, a oposición decidiu non apoiar os presupostos 

Venres, 05 de maio de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este venres a fin das negociacións e do diálogo sobre os novos orzamentos municipais e a continuidade da prórroga das contas de 2016, unha vez que “tendemos a man a todas as forzas políticas, nos sentamos a falar con todos dende a responsabilidade e a seriedade, e dende o coñecemento da importancia dun orzamento para a boa marcha do concello, pois o noso proxecto era un dos máis inversores dos últimos anos e suplía en moitos casos as carencias doutras administracións”, e unha vez que todos os grupos da oposición manifestaron o seu posicionamento ao respecto e decidiron non apoiar os presupostos.

A día de hoxe, explicou a rexedora, os orzamentos do Concello están prorrogados, co que “agora seguiremos a traballar dende a seriedade e a rigorosidade para sacar adiante modificacións de crédito con apoios puntuais co fin de garantir investimentos na cidade e poder aplicar os fondos europeos que fomos capaces de captar”, nomeadamente o DUSI, así como outros proxectos destacados, como o Plan de Barrios.

“Levamos moitos meses falando con todas e cada unha das forzas políticas, ás que propuxemos a nosa proposta orzamentaria e mesmo chegamos a negociacións moi avanzadas, plasmándose incluso acordos, pero finalmente decidiron non apoiar este orzamento, polo que dende o Goberno, coma sempre, seguiremos exercendo a nosa responsabilidade”, asegurou Lara Méndez. “Os orzamentos prorrogados van a afectar a moitas cuestións, dende os propios investimentos, pero haberá que seguir traballando cos instrumentos que temos para garantir o ben da cidade”, indicou.

Por outra banda, a Alcaldesa descartou a presentación dunha cuestión de confianza vinculada aos Orzamentos por “responsabilidade”, dado que supoñería a paralización da cidade, tendo en conta que, “ás alturas do ano nas que estamos, poderíamos ter os presupostos aprobados no último trimestre, sen case posibilidade de execución”. Polo tanto, recalcou, “recorreremos a outros instrumentos dos que se nos dota á administración para poder seguir investindo e executando fondos, e buscando o ben da cidade, que é o que facemos sempre dende o Goberno”.

Así mesmo, a preguntas dos xornalistas, a rexedora aludiu á proposta de Lugonovo de formar un goberno de concentración de esquerdas, afirmando non saber a que se refire esta formación, pois “nós sempre falamos de gobernos de coalición, unha posibilidade que se ofreceu no 2015 e da que volvemos a falar noutras ocasións porque sempre tivemos e temos a man tendida”. De calquera xeito, apuntou ao fracaso desta proposta, tendo en conta que “non son capaces de concentrarse en torno a un orzamento avanzado, falado e medianamente consensuado”.

Audio

Noticias relacionadas