O Goberno secunda a manifestación dos veciños da Residencia para reivindicar a dotación de servizos

A Alcaldesa reclama á Xunta que “se poña a traballar xa” para poñer en marcha uns equipamentos que, “non só reactivarían o barrio, senón que son necesarios propiamente para Lugo, debido á falta de infraestruturas sanitarias”

Xoves, 03 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa, Lara Méndez, e os concelleiros do Goberno local secundarán a  manifestación convocada este xoves, ás 20.30 horas, pola Asociación de Veciños e Comerciantes da Residencia para continuar reivindicando a dotación de servizos neste barrio co fin de reactivalo social e economicamente unha vez pechado o vello Xeral.

 A rexedora lembrou que a Xunta de Galicia “incumpriu reiteradamente os seus compromisos” cos veciños da Residencia de poñer en marcha nas antigas instalacións sanitarias un laboratorio de saúde, un PAC e un centro médico, e esixiu ao Goberno galego, como xa fixo na entrevista que mantivo co Presidente, Alberto Núñez Feijoó, que “se poña a traballar xa” para poñer en marcha neste barrio, que concentra ao 15% da poboación da cidade, uns equipamentos que, “non só servirían para reactivar e dinamizar o barrio tras a perda do Xeral, senón que son necesarios propiamente para Lugo, debido á falta de infraestruturas sanitarias”. Neste senso, indicou que a inexistencia dun centro de saúde na zona fai que os veciños se teñan que desprazar ao ambulatorio da Rúa Río Ser, que xa atende a 35.000 persoas “nun espazo claramente reducido e desfasado en canto a prestacións”.

 Ademais, o PAC de Fingoi “resulta insuficiente para dar resposta ás demandas de toda a cidade de Lugo”, engadiu a rexedora, para a que contar cun segundo PAC en Lugo, “non soamente axudaría a aliviar a carga de asistencia que soporta o de Fingoi, senón que redundaría nunha menor confluencia de pacientes nas urxencias do HULA, evitando as xa tan frecuentes saturacións”. 

A Alcaldesa lembrou que existen numerosos acordos do Pleno pedindo estas dotacións para o barrio da Residencia, os últimos adoptados na sesión celebrada en xullo.

Multimedia

Noticias relacionadas