O lucense, e campión de España junior de cross, Miguel González, recibe no Concello un recoñecemento á súa traxectoria deportiva

A Alcaldesa presidiu a recepción, un acto que serve de motivación para a proxección que aínda ten González

"Tes toda unha cidade detrás que te anima", asegurou Méndez, quen o convidou a seguir traballando "con paso firme e continuo". Así mesmo, subliñou a proxección que os deportistas lle dan a Lugo, "unha cidade que inviste moito en deporte"

Luns, 04 de setembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O lucense, e campión de España junior de cross, Miguel González, recibe no Concello un recoñecemento á súa traxectoria deportiva

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, presidiu a recepción que lle ofreceu este luns a Corporación Municipal ao lucense e campión de España junior de cross, Miguel González. Á recepción, celebrada no Salón de Plenos, tamén acudiron os voceiros dos grupos municipais do PP, Lugonovo, BNG, Ciudadanos e ACE.

No acto, que serve de recoñecemento á traxectoria deportiva "disciplinada, responsable e traballadora" de González, pero que tamén actúa de motivación para a proxección que aínda ten González; Lara Méndez amosoulle o "tremendo orgullo" do pobo lucense, así como todas as expectativas depositadas nel, encargado de levar o nome de Lugo por tada Europa e todo o mundo.

"Tes toda unha cidade detrás que te anima e que te aprecia", asegurou a Alcaldesa, quen o convidou a seguir traballando "con paso firme e continuo". Así mesmo, subliñou a proxección que os deportistas lle dan a Lugo, "unha cidade que inviste moito en deporte. Que Lugo teña deportistas de elite é un acicate importante para seguir investindo neste eido", sentenciou Méndez, quen lle entregou a González, como agasallo institucional, unha reprodución da Muralla, "un exemplo de que o que é firme perdura", para que lle sirva de inspiración nos momentos máis complicados da súa carreira profesional.

Méndez tamén tivo palabras para a familia, xa que "detrás dunha persoa que acada o seu soño sempre hai unha gran familia que aporta esforzo e ilusión", e sobre todo para o seu pai, unha lenda do atletismo, Tito Margaride. González, quen tivo palabras emotivas tamén para a súa familia, amosou o seu convencemento de dar o mellor de si mesmo nas vindeiras competicións.

Traxectoria dun atleta por excelencia

En 2012 fixo o seu debut nacional e proclamouse campión galego nos 3000 metros lisos, e quedou ás portas de medalla no campionato de España. Conseguiu o campionato de España nesa distancia ao ano seguinte, en 2013, ao aire libre, ao tempo que empezaba a participar en probas de cross de nivel estatal.

En 2014, como xuvenil, proclamouse campión galego de 1500m de categoría xuvenil en pista cuberta, e de categoría promesa ao aire libre, así como subcampión de España en categoría xuvenil en tres ocasións: en 3000m (aire libre e pista cuberta) e 5000m.

Ao ano seguinte, 2015, foi campión de Galicia e de España en 3000m, en pista cuberta e foi de novo subcampión sobre esa mesma distancia ao aire libre, tanto de Galicia como de España, sempre en categoría xuvenil. Ademais, e por primeira vez, acudiu a participar a un campionato do mundo da categoría xuvenil, que se celebrou en Cali (Colombia), onde conseguiu meterse na final (e ser 13º).

En 2016, xa como júnior, non pasou das semifinais no mundial da categoría, celebrado en Bydgoszcz, neste caso competindo en 3000m obstáculos. Ademais, foi subcampión de España júnior en 3000m en pista cuberta, nos campionatos de inverno, e bronce nos 3000m obstáculos de aire libre.

A finais dese ano obtivo o seu mellor resultado internacional, ao quedar de 9º nos campionatos de Europa de cross júnior, que e celebraron en Chia (Italia) e unhas semanas despois, en 2017, obtivo a medalla de prata no Great Run, un cross internacional que se celebra en Edimburgo, representando a Europa.

Audio

  • Lara Méndez, sobre o campión de España junior de cross | Descargar mp3

Noticias relacionadas