Os XII Xogos do Eixo Atlántico, que acollerán Lugo, Sarria e Monforte do 4 ao 9 de xullo, os segundos máis participativos da historia

Lara Méndez, Darío Campos e Xoán Vázquez Mao presentaron esta cita deportiva, na que participarán 1850 mozos e mozas de 29 municipios de Galicia e Portugal

Por primeira vez, tres cidades galegas celebran simultaneamente estes xogos. Inclúen as modalidades de fútbol, baloncesto, atletismo e atletismo adaptado, natación e natación adaptada, voleibol e ximnasia rítmica

"Con estes xogos buscamos a cohesión territorial a través do deporte", asegurou a Alcaldesa, quen definiu esta cita como "un elemento enriquecedor de dúas culturas irmáns, a galega e a portuguesa"

Darío Campos fixo fincapé nas persoas que atraerá a Lugo esta competición, "son 6.000 persoas, 6.000 oportunidades que temos para dar a coñecer e poñer en valor os recursos que temos"

Os Xogos arrincará cun desfile, dende a Praza de San Marcos ata a Praza de Santa María, pasando pola Praza Maior. Ademais das delegacións de deportistas incorporaranse na marcha catro elementos etnográficos galegos e lusos

Luns, 19 de xuño de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Os XII Xogos do Eixo Atlántico, que acollerán Lugo, Sarria e Monforte do 4 ao 9 de xullo, os segundos máis participativos da historia

Por segunda vez na historia dos Xogos do Eixo Atlántico, e por primeira vez en Galicia, tres cidades, Lugo, Sarria e Monforte, acollerán simultaneamente estes xogos, os segundos máis participativos da historia. En total participarán 1850 mozos e mozas ata os 16 anos e contarán coa presenza de 29 municipios de Galicia e Portugal, 14 galegos -ademais de Lugo, Monforte e Sarria, Ourense, Pontevedra, O Carballiño, Santiago, Barco de Valdeorras, Carballo, Vigo, Vilagarcía, Riveira, Narón e A Coruña- e 15 lusos -Macedo de Cavaleiros, Matosinhos, Porto, Famalicão, Braga, Peso da Régua, Braganca, Maia, Vila Nova de Gaia, Vila Real, Valongo, Viana do Castelo, Guimaraes, Eurocidades Chaves-Verín e Santa María da Feira-.

Esta competición foi presentada este luns no Vello Cárcere pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Presidente da Deputación, Darío Campos, e o Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, nun acto ao que tamén asistiu o Concelleiro de Deportes de Lugo e o de Sarria, Miguel Fernández e Efrén Castro, respectivamente; así como o Deputado de Deportes, Pablo Rivera.

Na presentación, a rexedora manifestou a aposta do Concello polo fomento do deporte e os valores que inculca a súa práctica. Nesta liña subliñou o forte arraigo en Lugo da práctica deportiva dende idades temperás, "o que evidentemente para o Concello é importante, e así o ven desenvolvemendo o Goberno a través de iniciativas tanto coas escolas deportivas, os centros educativos ou como os propios clubes". Así mesmo, enxalzou a importante actividade profesional que tamén se leva a cabo na cidade, onde se pode ver entrenando a dous olímpicos como Gómez Noya ou Isaac Toro, e as numerosas citas deportivas que mobilizan en Lugo a milleiros de persoas, como o Corre con Nós.

Cohesión territorial a través do deporte

"Con estes xogos buscamos a cohesión territorial a través do deporte", asegurou a Alcaldesa, quen definiu esta cita como "un elemento enriquecedor de dúas culturas irmáns, a galega e a portuguesa", posto que este evento transcende o ámbito estritamente deportivo e confígurase como un enriquecedor punto de encontro para dinamizar o interior da Eurorrexión, fomentar o coñecemento mutuo e a interrelación entre dúas culturas irmás, vertebrar o territorio, aproveitar sinerxias cara o desenvolvemento socioeconómico e proxectar a riqueza patrimonial de Lugo.

Para rematar, Méndez agradeceu o traballo realizado polos técnicos do Concello de Lugo, así como aos municipios de Sarria e Monforte, o Eixo Atlántico e a Deputación por facer posible a celebración dos duodécimos Xogos en Lugo.

6.000 oportunidades para descubrir Lugo

O Presidente da Deputación, entidade que achega 100.000 euros para a celebración dos Xogos, calificou esta iniciativa como "un es escaparate único para dar a coñecer a diversidade que temos na nosa provincia a nivel turístico, patrimonial, cultural, gastronómico ou de ocio, entre moitos outros". Tamén quixo facer fincapé nas persoas que atraerá a Lugo esta competición, "son 6.000 persoas, 6.000 oportunidades que temos para dar a coñecer e poñer en valor os recursos que temos na provincia, co fin de reactivar a economía local e impulsar o turismo", asegurou.

Os Xogos

Os duodécimos xogos do Eixo Atlántico celebraranse do 4 ao 9 de xullo. O primeiro día, en xornada de tarde, terá lugar un desfile das delegacións dos participantes, dende a Praza de San Marcos ata a Praza de Santa María, pasando pola Praza Maior. Nesta marcha, por primeira vez, incorporaranse ao desfile catro elementos etnográficos. Irán abrindo a marcha unha representación de romanos e castrexos de Lugo; polo medio irán os cabezudos da Nosa Señora de Agonía (Viana do Castelo), despois os cigarróns de Verín e, por último, os caretos de Macedo dos Cavaleiros.

As competicións terán lugar os días 5, 6, 7 e 8 de xullo. Lugo acollerá as modalidades de fútbol, no campo municipal das Gándaras, baloncesto, no Pazo Provincial dos Deportes, atletismo e atletismo adaptado, nas Pedreiras, e natación e natación adaptada nas piscinas municipais de Frigsa. Pola súa banda, as competicións de voleibol celebraranse en Monforte e as de ximnasia rítimica, deporte novidade desta edición, en Sarria. Por último a clausura terá lugar o día 9, no Vello Cárcere.

O impacto destes Xogos, segundo estimacións da propia entidade do Eixo, e tendo en conta outras edicións deste evento, poderá deixar uns 200.000 euros en Lugo.

O deporte é cultura

"O deporte é cultura, e a cultura ten que estar moi ligada ao deporte", asegurou no acto Vázquez Mao, quen fixo fincapé na incorporación de elementos culturais no desfile ao tempo que amosou o éxito desta edición dos xogos e o arduo traballo que se leva facendo dende hai máis dun ano, tanto dende o Eixo Atlántico com dos distintos municipios e orgaismo provicnial, para poder celebrarse o vindeiro mes de xullo.

Na presentación tamén estivo presente unha representante do Instituco Camões de Vigo, Carla Amado, centro que apoia estas iniciativas achegando distintas actividades a Lugo, Sarria e Monforte durante os Xogos. Concretamente, e tal e como explicou Amado, o centro ofrecerá exposicións sobre a cultura e a historia do cine en portugués en Sarria e Monforte, respectivamente. En Lugo, o Vello Cárcere acollerá a exhibición dun filme portugués e de curtas e unha peza de teatro dedicada á lingua portuguesa.

Solidariedade con Portugal

Todos os asistentes á presentación amosaron a súa solidaridade co pobo de Portugal por mor do incendio acontecido nas últimas horas en territorio luso no que faleceron 62 persoas.

Multimedia

  • Os XII Xogos do Eixo Atlántico, que acollerán Lugo, Sarria e Monforte do 4 ao 9 de xullo, os segundos máis participativos da historia

Noticias relacionadas