A Alcaldesa renova o compromiso do Concello coa integración laboral das persoas con enfermidades mentais

Un proxecto conxunto entre a entidade local, a Fundación Mapfre, FEAFES e 6 empresas que prestan servizos ao Concello, ofrecerá a oportunidade a unha vintena de persoas de desempeñar prácticas laborais na cidade

Durante a presentación da iniciativa, Lara Méndez insistiu na importancia de buscar a integración a todos os niveis e en todos os eidos, “Se deixamos unha parte fóra non avanzamos e non seremos unha sociedade completa e igualitaria”

Venres, 22 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa renova o compromiso do Concello coa integración laboral das persoas con enfermidades mentais

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a directora de Mapfre en Lugo, Esther López, o vicepresidente da Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia (FEAFES Galicia), Manuel Fernández, e seis representantes doutras tantas empresas que prestan o seu servizo ao Concello, presentaron este venres un acordo conxunto para a integración de persoas con enfermidade mental, a través do programa Juntos Somos Capaces. Trátase dunha iniciativa posta en marcha no ano 2010 pola Fundación Mapre para favorecer a inserción social e laboral de persoas afectadas por enfermidades mentais. Nesta nova edición, beneficiaranse 20 persoas, que desempeñarán prácticas laborais durante un mes en Allentum, Clece, Balidea, Calfensa, Lacera e Urbaser. Deste xeito, e baixo o apoio e seguimento de membros de FEAFES, poderán adquirir experiencias en tarefas relacionadas coa xardinería, limpeza viaria, mantemento informático e xestión de eventos.

Durante a presentación, a rexedora puxo de manifesto a importancia desta colaboración público-privada, coa que se contribuirá a que os participantes alcancen unha maior autonomía persoal, empregabilidade e contacto co mercado laboral. Dende a súa posta en marcha, este programa fixo posible que un total de 3.270 empresas de España colaboren puntualmente co programa, facilitando a formación de preto de 1.800 persoas e a inserción laboral de 2.050.

“O Concello vén demostrando de xeito continuado o seu compromiso coas persoas máis vulnerables, apoiando diversas actuacións a favor das mesmas, tanto no ámbito laboral como no educacional”, asegurou Méndez, quen insistiu na necesidade de que todas as institucións destinen recursos a esta materia.

Neste senso, a rexedora insistiu na necesidade de dar visibilidade as persoas con algunha enfermidade mental, posto que a falta de desinformación e do coñecemento destas doenzas producen un rexeitamento na socidade, algo que non se pode consentir en pleno século XXI. “Todos temos que sumar para lograr que estas persoas se incorporen de pleno dereito á sociedade, e erradicar así a discrimanción que sofren”, concluíu a Alcaldesa, quen lembrou o traballo que se fai en moitas asociacións e colectivos como a Fundación Mapfre e FEAFES por “intentar buscar a integración a todos os niveis e en todos os eidos, tan necesaria para seguir avanzando como sociedade, porque se deixamos unha parte fóra non avanzamos e non seremos unha sociedade completa e igualitaria”. Tamén agradeceu a implicación das 6 empresas e a súa sensibilización ante unha problemática social.

Méndez aproveitou para facer un chamamento á sociedade para que cambien a percepción que teñen coas persoas con enfermidades mentais, tan diferentes pero á vez tan iguais que os demais.

Pola súa banda, Esther López agradeceu o apoio do Concello por colaborar un ano máis neste programa de integración laboral que co paso dos anos se foi consolidando como unha iniciativa de referencia.

Manuel Fernández insisitu na importancia desta iniciativa, “que é o mellor xeito de loitar contra o estigma que supón ter unha enfermidade mental”, ao mesmo tempo que subliñou os beneficios do traballo construtivo para a saúde mental e o desenvolvemento persoal.

Noticias relacionadas