A cita máis importante da industria en Galicia recoñece o traballo do Concello en favor do sector

A Alcaldesa, que recolleu o Premio Galicia de Industria outorgado ao CEI Nodus, subliñou que o protagonismo de Lugo no evento, dende o feito de que se celebre na cidade a que tres dos galardoados estean vinculados coa provincia, demostra que “aquí estamos facendo moito e ben”

Venres, 19 de outubro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A cita máis importante da industria en Galicia recoñece o traballo do Concello en favor do sector

A Alcaldesa, Lara Méndez, recolleu este venres na Noite da Industria, celebrada no Círculo das Artes, o galardón outorgado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia ao CEI Nodus do Concello pola súa contribución ao tecido industrial galego, ao seu desenvolvemento e ás boas prácticas neste eido. Méndez destacou que o gran protagonismo de Lugo nos Premios Galicia de Industria, dende o feito de que se celebren na cidade a que tres dos galardoados estean vinculados coa provincia (o CEI, Ingapán e Francisco Cal), indica que “aquí estamos facendo moito e ben” en favor do impulso da innovación industrial.

Neste senso, a rexedora agradeceu ao Colexio e á Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia por pensar en Lugo para organizar esta gala de entrega de premios, a cita máis importante do sector industrial na comunidade autónoma. “Para nós, é un dobre recoñecemento. Contribúe a visibilizar o labor dunha iniciativa pública como é o CEI, o que pode contribuír a xerar sinerxias e novas oportunidades de colaboración público-privada, ou privada-privada, e, ao mesmo tempo, este evento posiciona a Lugo no centro de atención da industria galega, co que iso leva consigo de proxección de todo o que aquí se está facendo en materia de innovación. Esta gala danos unha gran oportunidade para mostrarnos ao resto de Galicia e a romper certos límites invisibles que levan a centrar a atención da innovación industrial noutros lugares, cando aquí hai un gran talento, grandes ideas e grandes proxectos”, asegurou.

Así mesmo, Lara Méndez agradeceu o recoñecemento ao traballo en impulso do tecido empresarial e industrial “que vimos facendo no Concello de Lugo dende hai 14 anos a través do Centro de Empresas e Innovación”. Así mesmo, felicitou ao resto de galardoados, “todos proxectos e persoas cunha brillante traxectoria e futuro. Entendo que o xurado destacase a grande calidade dos proxectos presentados”.

“Acuñando a expresión dun dos técnicos do propio centro, gústame dicir que o CEI Nodus é unha fábrica de soños, porque nel abrimos portas ao éxito, ao futuro de ideas de negocio dos emprendedores e emprendedoras de Lugo, que empezan sendo iso, soños, ideas, e acaban sendo proxectos empresariais viables, sólidos, pequenos e grandes proxectos, que xeran riqueza e emprego no noso municipio. Así retemos o inmenso talento que temos en Lugo, retorna o esforzo económico que facemos como sociedade en educación e formación, e contribuímos a fixar poboación”, asegurou a Alcaldesa.

O CEI Nodus é un dos piares das políticas de emprego e apoio ao emprendemento que ten en marcha o Concello, que a día de hoxe suman un investimento de 3M€ e preto de 300 persoas beneficiadas. O Centro de Empresas e Innovación é peza central tamén do modelo de cidade do Goberno, sinalou Lara Méndez, no marco do que están en marcha outras iniciativas públicas encamiñadas á innovación, “que desenvolvemos grazas aos fondos europeos que fomos capaces de captar, entre eles, a introducción dun novo modelo productivo en Lugo a través do uso da madeira como elemento estrutural de construción”, por medio do plan Life Lugo+Biodinámico.

Multimedia

  • A cita máis importante da industria en Galicia recoñece o traballo do Concello en favor do sector
  • A cita máis importante da industria en Galicia recoñece o traballo do Concello en favor do sector
  • A cita máis importante da industria en Galicia recoñece o traballo do Concello en favor do sector

Noticias relacionadas