Concello e Deputación promoven a igualdade entre a mocidade colaborando coas axendas do IES Ánxel Fole

Lara Méndez e Álvaro Santos fixeron entrega das 550 axendas, que foron deseñadas e editadas por mozos e mozas voluntarias de bacharelato. Nesta ocasión, o deseño, en branco e negro, fai referencia a Campaña En Negro contra a Violencia de Xénero

Mércores, 21 de novembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Deputación promoven a igualdade entre a mocidade colaborando coas axendas do IES Ánxel Fole

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez,  e o Voceiro do Goberno, Álvaro Santos, fixeron entrega este mércores de máis de 550 “axendas pola igualdade” elaboradas e editadas polos alumnos do I.E.S. Ánxel Fole, que contaron coa colaboración de Concello e Deputación. Nesta ocasión, o deseño, en branco e negro, fai referencia a Campaña En Negro contra a Violencia de Xénero. No acto, no que estiveron acompañados polos estudantes que fixeron as axendas, tamén participaron a Directora do I.E.S, Beatriz Fernández, e a coordinadora e editora da axenda, Felisa Redondo.

Méndez e Santos coincidiron en subliñar que “se trata dunha publicación que serve para fomentar a o compromiso coa igualdade, sobre todo entre os mozos e mozas, que son os que nun futuro deberán loitar para rematar coa lacra da violencia machista. Ademais, entendemos a escola como un ámbito de educación integral, e debemos colaborar con ela para continuar promovendo a educación pública cos valores que queremos atopar na sociedade”.

Así mesmo, destacaron que “a educación e a prevención son importantísimas a hora loitar pola igualdade, pois facilitan a identificación de situacións de risco e conductas violentas, tamén entre os máis novos, unha franxa de idade na que se incrementaron a incidencia do machismo”.

Traballo pola igualdade

Este ano, a axenda contén dúas entrevistas, pasatempos, citas apoderantes, crónicas e opinións sobre as I Xornadas de Igualdade de Xénero do I.E.S Ánxel Fole; así como formación sobre igualdade, relacións sas e violencias patriarcais. O I.E.S. Ánxel Fole de Lugo vén desenvolvendo dende hai anos unha intensa labor de educación en valores de igualdade como base para a erradicación da violencia de xénero, integrando en todas as materias o traballo pola igualdade e contando, na actualidade, coa materia optativa de Igualdade de Xénero con grupos en primeiro e segundo da ESO.

Noticias relacionadas