Concello e EOI impulsan o lanzamento de 20 novas empresas en Lugo, das que a metade xa facturan

Tras cinco meses de traballo, os emprendedores participantes na segunda fase do programa Inicia Coworking expuxeron hoxe no MIHL os seus proxectos nun encontro conducido por Lucía Pérez

As iniciativas empresariais van dende productos ecolóxicos, ensino infantil alternativo, formación en comunicación, moda, deseño, decoración, terapia ocupacional, cociña e organización de eventos, a uso de drons para eliminar niños de avespa velutina ou reproducción de obras arqueolóxicas en 3D

A Alcaldesa subliñou o compromiso do Goberno co fomento da empregabilidade con iniciativas como este plan de apoio ao emprendemento, “que está a dar grandes resultados”, pois entre as dúas fases viron a luz 40 novas empresas

Xoves, 14 de decembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e EOI impulsan o lanzamento de 20 novas empresas en Lugo, das que a metade xa facturan

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, inaugurou este xoves no MIHL o encontro que puxo fin á segunda fase do programa Inicia Coworking, grazas á que trinta emprendedores lucenses lanzaron 20 novas empresas, das que a metade xa están facturando. Tras cinco meses de traballo, os emprendedores expuxeron os seus proxectos no MIHL nunha gala conducida por Lucía Pérez, que incluíu tamén unha conferencia a cargo de Fernando Sánchez Salinero, consultor estratéxico especializado no desenvolvemento de proxectos e na comunicación e mellora comercial dos mesmos. Ao acto asistiron as concelleiras de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, e Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, así como representantes do eido empresarial e financeiro.

O Concello e a Escola de Organización Industrial cofinancian o Inicia Coworking, un plan que ofrece de xeito gratuíto un apoio integral, individual e personalizado para lanzar con éxito un negocio, asegurando a súa viabilidade tanto técnica como financeira.

A Alcaldesa destacou o compromiso do Goberno local co fomento da empregabilidade con proxectos como o Inicia Coworking, que “está a dar grandes resultados”, pois entre as dúas fases celebradas ata o momento viron a luz 40 novas empresas, o que “supón un impulso para o tecido socioeconómico lucense, a creación de emprego, e que o talento e o capital humano que contribuímos a formar se quede en Lugo”.

De feito, engadiu, “o primeiro que fixemos ao chegar ao Goberno foi traballar para captar fondos da Unión Europea co fin de investir no fomento do emprego, e iso a pesar de que non é unha competencia propia do Concello”, senón das administración central e autonómica. Deste xeito, no proxecto de Orzamentos para o 2018 que presentou onte a rexedora o Goberno destina 3 millóns de euros a emprego.

Méndez destacou a calidade e as posibilidades de futuro dos 20 proxectos que naceron ao abeiro desta segunda edición do Inicia Coworking, entre os que figuran empresas de productos ecolóxicos (pan, castañas e agricultura), ensino infantil alternativo, formación en comunicación, moda, deseño, decoración, terapia ocupacional para persoas maiores, cociña, organización de eventos, uso de drons para eliminar niños de avespa velutina ou reproducción de obras arqueolóxicas en 3D.

Do plan Inicia Coworking quedan outras dúas fases, que se desenvolverán no vindeiro ano e que darán a oportunidade a polo menos outros 40 emprendedores a lanzar o seu  propio negocio.

Noticias relacionadas