Contratados 10 traballadores para as dúas brigadas contra incendios forestais coas que contará Lugo ata outubro

Comezan mañá cun plan de traballo que, ademais de labores de extinción de lumes, inclúe desbroce na zona rural para prevención

Luns, 17 de xullo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo vén de contratar a 10 traballadores e traballadoras para as dúas brigadas de prevención e loita contra incendios forestais coas que contará o municipio durante os vindeiros tres meses, ata mediados de outubro. Así o avanzou o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, quen lembrou que este servizo préstase ao abeiro do convenio de colaboración entre a administración local e autonómica asinado o pasado ano e cunha duración de tres anos, ata o 2018, para a defensa contra o lume.

Cada brigada conta con cinco traballadores: un capataz e catro peóns, que se distribuirán en catro quendas (unha pola mañá, dúas pola tarde e unha pola noite). Comezarán mañá cun plan de traballo que inclúe, ademais das labores de extinción de lumes, desbroce de maleza por toda a zona rural para prevención.

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal explicou que o proceso de contratación para dispoñer deste servizo, para o que o Concello achega 40.000 euros, dilatouse porque moitos dos candidatos seleccionados -seis de dez-  renunciaron á praza, polo que houbo que ir cubrindo vacantes ata conformar o total da plantilla.

Demora na subvención para os socorristas

Por outra  banda, o Concelleiro de Persoal informou de que a Xunta comunicou aínda hoxe ao Concello a concesión dunha subvención de 15.000 euros para a contratación de cinco socorristas durante dous meses.

Daniel Piñeiro lamentou que a resolución da Administración autonómica, que nos últimos anos se producía a finais de xuño para que os socorristas puideran comezar a traballar o 1 de xuño, “se demorase tanto tempo, pois estamos xa a mediados de xullo, o que nos impediu dispoñer antes deste servizo”, pois sen a axuda da Xunta (que custea o salario e a Seguridade Social), o Concello non pode asumir a contratación.

Deste xeito, o edil concretou que, unha vez recibida a comunicación autonómica, procederase de inmediato a contratar ao persoal de socorrismo co fin de que inicien o seu labor no menor tempo posible. Como nos anos anteriores, desenvolverán o seu labor no entorno do Miño.

Noticias relacionadas