Fallados os premios do VI Certame de Fotografía Revelando o Machismo, que organiza o Concello

A Alcaldesa achegouse este luns ata a Casa da Muller, onde o xurado optou por conceder o primeiro premio de 600 euros a José Bent e o finalista cun diploma foi José Ramón Moreno

Luns, 14 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Fallados os premios do VI Certame de Fotografía Revelando o Machismo, que organiza o Concello

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, achegouse estes luns á Casa da Muller, onde o xurado do VI Certame de Fotografía Revelando o Machismo, que organiza o Concello, optou por conceder o primeiro premio á fotografía titulada Desigualdades, do fotógrafo valenciano José Bent, un premio dotado con 600 euros. O finalista foi José Ramón Moreno de Zaragoza coa fotografía Multi Tarea, que recibirá un diploma acreditativo polo seu traballo.

A este certame presentáronse un total de 14 fotografías, todas elas, segundo palabras do xurado, moi alusivas ao tema a tratar e de grande nivel artístico. O xurado estivo composto pola representante do Foro de Igualdade, Ruth León, o fotógrafo José Luis Pradero, a técnica da Casa da Muller, Belén Regueiro, e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira.

Os premios serán entregados nun acto que se celebrará no Salón de Plenos, na Casa do Concello, coincidindo coa conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de Xénero, con motivo dos actos que organizará a entidade local.

Como xa se indicaba nas bases, os traballos gañadores quedarán a dispor do Concello, como organizador do concurso, que poderá facer o uso que considere conveniente. Os traballos non premiados poderán ser retirados polos seus autores ata o 29 de decembro de 2016.

Noticias relacionadas