Lara Méndez: “Este premio revaloriza un dos nosos maiores patrimonios, as referentes femininas que fan de Lugo a cidade das Mulleres con Forza”

O Concello recoñeceu esta tarde, co galardón Entre Mulleres, a seis lucenses cuxa traxectoria profesional e persoal contribuíu a avanzar en igualdade.

Celia Neira, Ana Rosa Rodríguez, Isabel Fernández, Bibi Bouza, Tonina Gay e Blanca García recibiron o distintivo de mans da rexedora.

Nove alumnas do CEIP Casás escenificaron o relevo xeracional coa entrega dun recordo ás máis de 70 mulleres e colectivos premiados nos 20 anos de historia do galardón.

O evento, conducido pola xornalista Dolores Cela, contou coas intrepretacións da violonchelista Cristina Nogueira e completouse coa exposición da Asociación de Mulleres de Beade ‘Mulleres Rurais’, organizada por Fademur.

“Fronte aos que tratan de desvirtuar a esencia do feminismo a sociedade debe ter claro que recoñecer a dignidade das mulleres é impulsar o progreso”, afirmou a alcaldesa.

Mércores, 08 de marzo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez: “Este premio revaloriza un dos nosos maiores patrimonios, as referentes femininas que fan de Lugo a cidade das Mulleres con Forza”

Suman un dos maiores patrimonios locais e ten nome de muller: o de Celia Neira, Ana Rosa Rodríguez, Isabel Fernández, Bibi Bouza, Tonina Gay e Blanca García.

Seis exemplos próximos de forza e traballo que marcan camiño cunha mensaxe clara: a sociedade non avanza nin avanzará se non se garante que toda ela poida desenvolver o seu potencial co exercicio de todos os seus dereitos e a súa participación equitativa na vida política, cultural, económica e social.

Con esta afirmación arrincaba esta tarde o acto de entrega do premio ‘Entre Mulleres’ como recoñecemento colectivo a grandes referentes femininas de Lugo, no que ten que ver coa súa traxectoria profesional e persoal, na loita pola igualdade real e de oportunidades.

A todas elas, a alcaldesa, Lara Méndez, quixo – alén de dedicarlles unha pequena chiscadela a cada unha - trasladar un afectuoso agradecemento.

“Grazas pola vosa valentía, polo tesón co que levades defendido o voso cometido e pola implicación e compromiso que demostrades no exercicio das vosas profesións, nas que prevalece o instinto de superación inherente á condición feminina que - estou segura – non só sentou precedente nos vosos respectivos ámbitos e para as xeracións que vos sucedan, senón que xa forman parte da riqueza da nosa cidade, contribuíndo a identificar a Lugo cos vosos propios nomes en sinal dunha maneira singular e concreta de facer as cousas: en clave de muller”.

“Vós as que facedes que Lugo sexa a cidade das Mulleres con Forza”, incidiu, en clara alusión á marca feminista propia coa que conta o Concello.

A rexedora aproveitou a súa intervención para subliñar a importancia do descurso feminista. “Debe seguir presente, porque o feminismo é, por definición, a crenza de que as mulleres e os homes debemos ter as mesmas obrigas, dereitos e oportunidades. Non en van, os dereitos das mulleres, son dereitos humanos”.

“Dende o sufraxio feminino, cada un dos logros que fomos acadando: a autonomía dos corpos, os dereitos reprodutivos, todos, son vitorias importantes, avances que debemos consolidar e dos que o mundo ten que tomar conciencia para frear as discriminacións de xénero que seguen existindo, facendo que prevalezan os teitos de cristal. Porque igualdade é sinónimo de democracia e nestes momentos e, tamén nestas datas nas que oímos novas reinterpretacións que tratan de desvirtuar a esencia do feminismo, a sociedade debe ter claro que recoñecer a dignidade das mulleres é impulsar o progreso”, sinalou Lara Méndez.

A rexedora fixo fincapé na valía das mulleres, sempre en primeira liña tanto no sector da saúde, dos coidados, a docencia ou a innovación pero tamén no liderado e dirección de empresas e institucións.

“A pandemia amosou, precisamente, ese papel fundamental que tivemos na reconstrución dos territorios a todos os niveis, dende a toma de decisións pero igualmente nos propios fogares e, porén, temos que seguir facéndolle fronte en todo o mundo á discriminación, xa veña esta da man da asunción de tarefas non remuneradas, do desemprego, da pobreza ou da violencia de xénero”, afirmou Méndez.

“Por tanto a reflexión sobre os logros alcanzados nos últimos anos en materia de igualdade debe servirnos tamén para planificar os retos pendentes co obxectivo de erradicar todas as formas de discriminación contra as mulleres e as nenas que persisten actualmente. E, a este respecto, non podemos pechar os ollos a aparición de movementos involucionistas, froito do temor á perda de privilexios, dos que deriva o negacionismo que promulga a perda de dereitos lexítimos das mulleres como o de decidir sobre a súa vida e o seu corpo que xa se escoita nalgúns discursos e que callan de xeito perigoso, especialmente entre a poboación máis nova”.

“Non podemos consentilo – continuou a alcalesa - nin deixar que a loita pola igualdade se dervirtúe e frivolice. Cómpre facer conciencia, e educar dende a igualdade xa en primeira instancia no seo dos nosos fogares e a convivencia familiar, pero tampouco debemos abandonar as rúas. As mulleres non podemos volver ocultarnos nas nosas casas, nin temos porqué sentir medo. Debemos loitar pola paridade”, sostivo ao tempo que fixo tamén unha lembranza a activista lucense Cristina Cabo, asasinada o pasado ano, da que destacou o seu compromiso feminista.

“Hoxe é urxente, importante e necesario que as Institucións, as mulleres, a sociedade, camiñemos xuntas, obviando bandeiras ou consignas que poidan dividir a nosa alianza. Hoxe é necesario favorecer a cooperación entre homes e mulleres, a sororidade, nun movemento global que reclame como dereito fundamental: a equidade. Porque esa igualdade de xénero non é cuestión dun día, nin dunha efemérie, debe ser un compromiso ineludible de toda a cidadanía”, concluía a rexedora.

Durante a cerimonia, conducida pola xornalista Dolores Cela e cuxa traxectoria profesional se puxo en valor, houbo tamén momento para o recoñecemento ao resto de mulleres e colectivos - máis de 70 - que recibiron este galardón do Concello nos seus 20 anos de historia. A elas tamén se lles trasladou a gratitude dos e das lucenses pola súa contribución á igualdade de xénero e á visibilización da capacidade de liderado feminino que amosaron co seu labor.

Nove alumnas do CEIP Casás, mostra das xeracións que toman o relevo, foron as encargadas de entregarlles un recordo a todas en lembranza da súa achega.

Trala finalización do acto, que incluíu a interpretación da violonchelista Cristina Nogueira e a proxección de contidos audiovisuais sobre as premiadas, as persoas asistentes puideron gozar nas instalacións do MIHL da exposición ‘Mulleres Rurais’. A mostra, organizada pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais, reflicte o traballo realizado pola Asociación de Mulleres de Benade, seleccionada xunto as Asociacións de Mulleres Rurais de Insua, en Vilalba, e A Xuntanza de Castro de Rei para participar nun obradoiro da área de educación do Museo Thyssen.

As galardoadas deste ano.

CELIA NEIRA LÓPEZ. O seu nome vai indisolublemente unido ao local de hostalaría A Nosa Terra, un clásico para varias xeracións de lucenses que atopan na súa propietaria a alma acolledora deste punto de encontro no centro histórico da nosa cidade. 42 anos son os que traballou esta hostaleira, cociñeira e camareira, empresaria desde moi nova, que, como moitas mulleres da súa xeración, foi quen de levantar un negocio familiar con maratonianas horas de dedicación á súa clientela ao mesmo tempo que criaba aos seu fillos. É tamén unha estupenda embaixadora lucense porque o seu restaurante sempre foi un bo motivo para achegarse a Lugo.

ANA ROSA RODRÍGUEZ PÉREZ. Policía Local que forma parte da primeira promoción de mulleres dos axentes locais de Lugo. Foi pioneira xunto a outras dos compañeiras, abrindo camiño nun sector moi masculinizado e nunha época onde tiñan que patrullar con falda e zapato de tacón medio. Comezou a súa carreira nos anos 90, cando aínda non era habitual ver mulleres policías nos municipios. 33 anos despois, e cando está a punto de xubilarse, aínda que a presenza feminina no corpos de seguridade está xa máis normalizada, o seu número nos cadros de persoal policiais segue a ser moi minoritaria respecto aos homes. A súa compañeira Luz Fernández Gegundez recolleu o galardón no seu nome.

ISABEL FERNÁNDEZ GARCÍA. Doutora e Catedrática de Química Inorgánica da Universidade de Santiago de Compostela. Foi unha das primeiras profesoras do Colexio Universitario de Lugo no ano 1973, pero tamén recibiu varios premios en materia de investigación polo seu labor como impulsora do galego e o seu traballo de científica e divulgadora, entre eles un recoñecemento na VI edición dos premios á introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación. O seu compromiso coa muller vai máis alá, xa que, ademais de ser un exemplo no seu campo participando en decenas de traballos de I+D+i e a través de numerosas publicacións e documentos científicos e técnicos, rescatou do esquecemento - en tres libros - a decenas de mulleres lucenses que foron pioneiras no campo das ciencias.

BIBI BOUZA. Profesora de Inglés de Secundaria no IES Ánxel Fole de Lugo e presidenta do Arenal EMEVÉ. Docente vocacional, como a ela lle gusta destacar, exerce este cometido desde hai 37 anos. Un traballo que agora comparte con outra das súas grandes paixóns, o voleibol, ao que comezou a xogar con tan só 10 anos. A partir dos 17, antes da maioría de idade, compaxinou os seus estudos e vida deportiva co exercicio de adestradora e con só 20 anos asina a acta constitucional do Voleibol Emevé, un do clubs máis importantes de Galicia e tamén no ámbito nacional onde permanece, tras 40 anos, sendo presidenta desde o ano 2014. O seu compromiso polos dereitos das mulleres tamén reflectiuse recentemente cando deu refuxio a catro mozas deportistas ucranianas.

TONINA GAY. A voz de moitas xeracións de lucenses, foi pioneira na radio local nos anos 60 na Cadena Ser. Moitas persoas aínda lembran que foi a primeira voz feminina de ‘Los 40 Principales’, ou que formou parte do equipo de “Galicia sempre”, primeiro programa en lingua galega de mediados dos setenta, sendo tamén promotora da primeira experiencia de radio en Lugo a través de Internet. É unha figura clave para entender o xornalismo na cidade xa sexa en programas musicais, culturais, informativos, debates ou mesmo radio escolar.

Premio Galicia de Comunicación para medios radiofónicos en 1993; lucense do ano nas edicións 1988 e 2007, e tamén presidenta do Club Cultural Valle-Inclán, Vogal da Xunta reitora da Federación de Cineclubes de Galicia e Vogal da directiva da Sociedade Filarmónica de Lugo, sociedade que acaba de recibir a Medalla de Ouro do Concello de Lugo polo seu 75 aniversario, e na que Tonina Gay é a primeira muller que está na directiva.

BLANCA GARCÍA MONTENEGRO. A presidenta do Grupo de empresas El Progreso, foi a primeira muller Presidenta e Editora dun medio de comunicación en España nun sector, o da comunicación, onde a primacía dos homes se mantén case inalterable co paso dos anos. Accedeu á presidencia de El Progreso, diario que debemos felicitar este ano polo seu 115 aniversario, no ano 1993. Foi obxecto de moitas miradas escépticas nos seus inicios, pero pronto amosou o seu liderado impulsando unha renovación tecnolóxica en todas as empresas, culminando na actual configuración de Grupo Empresarial con diferentes actividades, sempre dentro do mundo da información e da cultura.

Con ela instaurouse o Premio Periodístico Puro Cora co fin de recoñecer o labor de informadores ou escritores de merecido prestixio, pero tamén a súa traxectoria profesional foi obxecto de homenaxes coa obtención da Medalla Castelao e Galicia en Feminino, a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela ou o Premio Diego Bernal. 

Vídeos

  • VIDEO 01 ENTREMULLERES_CELIA ANA & ISABEL_V2_HD | Descargar mp4
  • VIDEO 02 ENTREMULLERES_BIBI TONINA & BLANCA_V2_HDDescargar mp4
 
Multimedia

  • Lara Méndez: “Este premio revaloriza un dos nosos maiores patrimonios, as referentes femininas que fan de Lugo a cidade das Mulleres con Forza”

Noticias relacionadas