Lara Méndez presenta a estratexia de captación de inversión Lugo Transforma ao empresariado de Cataluña

A rexedora mantivo unha reunión con empresarios galegos afincados en Cataluña, así como co tecido empresarial catalán aos que explicou os proxectos de cidade.

O obxectivo deste encontro foi o de captar o interese inversor e promover a participación neste fondo de capital do tecido empresarial.

Domingo, 03 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez presenta a estratexia de captación de inversión Lugo Transforma ao empresariado de Cataluña

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo hoxe en Barcelona, un encontro co tecido empresarial e asociativo para explicarlles a Estratexia Lugo Transforma co obxectivo de “captar o interese inversor para promover a participación dos asistentes neste fondo de capital e difundir o calado da iniciativa municipal que cambiará o modelo produtivo local”.

Neste primeiro encontro, a rexedora lucense explicou que “Lugo é unha cidade punteira na loita contra o cambio climático, e no aproveitamento de recursos propios. Isto está a fortalecer a nosa marca Lugo sostible, que xa ten acadado importantes recoñecementos a nivel nacional e internacional”, realidade que captou o interese dos asistentes.

Ao encontro celebrado no marco das Festas do San Froilán de Barcelona no Nou Baris, estiveron presentes representantes dos sectores das enerxías renovables, a construción, os gremios da cultura e hostalaría así como diferentes emprendedores. Asistiron membros da Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña (Aegacat), Asociación de Empresarios Gallegos das Riberas do Ebro, Asociación Mundial de Empresarios Galegos, Asociación Catalana de Executivos, Directivos e Empresarios, Asociación Internacional de Profesionais do Turismo, Asociacion Gremi de Restauracio, Asociacion Galega da construccion, así como directos de Acipe Consultores, Ecotec Renovables, Club 23 financiero, Almenara Consultora Enervia Verde, entre outros.

Lara Méndez aproveitou tamén para falar da Estratexia Lugo Transforma que “nace coa vocación de pular pola diversificación industrial de Lugo, atraer novos negocios e, sobre todo, xerar emprego de calidade, en sectores estratéxicos, de alto impacto social e medio ambiental. Estamos a investir 12 millóns de euros, vinculados coas señas de identidade e a marca sostible que estamos a asentar para Lugo, en consonancia co noso modelo de cidade, á vangarda da economía verde e circular”.

Este foi unha primeira toma de contacto co tecido empresarial e tras o interese alcanzado xa se fixou unha nova xuntanza para avanzar en iniciativas de interese para a cidade de Lugo.

O almorzo serviu tamén para explicar os proxectos máis exitosos do momento, onde a rexedora deu conta no encontro do programa Life co Impulso Verde – un dos finalistas dos Premios Rebuild 2021 - ou o Barrio Multiecolóxico.

Esta celebración, nacida no ano 1995 grazas ao esforzo de tres empresarios lucenses residentes en Barcelona, tense convertido en cita obrigada no calendario festivo da Cidade Condal, sendo unha das festas máis importantes, a cal reúne a centos de persoas.

A alcaldesa lucense aproveitou a ocasión para agradecer a implicación e o traballo realizado á Asociación de Amigos do San Froilán de Barcelona para difundir a nosa cultura e tradicións ao tempo que se intercambian iniciativas e opinións varias cos asistentes ás actividades incluídas na programación e recalcou que “é unha magnifica ocasión para dar a coñecer os atractivos da nosa cidade e para estreitar lazos de amizade e unión entre Lugo e Barcelona”.

Multimedia

  • Lara Méndez presenta a estratexia de captación de inversión Lugo Transforma ao empresariado de Cataluña

Noticias relacionadas