Lugo dispón xa dos seus Orzamentos: 118 millóns de euros cos que Lara Méndez pulará por completar a transformación da cidade

A alcaldesa destaca “o esforzo inversor destas contas, encamiñas á dinamización económica do municipio para acadar un crecemento sólido e continuado”.

O derradeiro trámite para a súa entrada en vigor foi a publicación do seu anuncio, onte, no Boletín Oficial da Provincia.

A aprobación definitiva dos presupostos chega sen que ningún colectivo nin tampouco os grupos da oposición presentaran alegacións ao proxecto.

Mércores, 18 de xaneiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo dispón xa dos seus Orzamentos: 118 millóns de euros cos que Lara Méndez pulará por completar a transformación da cidade

Dende hoxe, martes, 17 de xaneiro, o Concello de Lugo pode dispoñer xa dos presupostos do 2023: os Orzamentos máis cuantiosos dos últimos anos que superan os 118 millóns de euros.

A alcaldesa, Lara Méndez, referiuse a eles como “a ferramenta imprescindible” que permitirá seguir ofrecendo á veciñanza unha ampla carteira de servizos públicos de calidade pero tamén concluír os proxectos programados, “nun contexto económico moi complexo no que a súa finalidade será, ademais, a de paliar as consecuencias do encarecemento do custo de vida sen frear o avance e crecemento do municipio e evitando, alén, que se incrementen os casos de vulnerabilidade. É por iso, que un ano máis, destinaremos preto do 30% dos mesmos a políticas asistenciais - lembrou a rexedora – co obxectivo de manter o escudo creado xa durante a pandemia e que agora debe atender tamén ás novas circunstancias sobrevidas sen diminuír a calidade das prestacións públicas”, afirmou.

Segundo Lara Méndez estas contas posibilitarán, entre outras actuacións, “seguir ampliando o número de espazos peonís, crear novas zonas verdes, parques infantís e áreas de esparexemento e, mesmo tamén, deportivas. Seguir avanzando na mellora da conectividade de Lugo, protexendo o seu patrimonio e incrementando as infraestruturas e dotacións, tanto na cidade como no rural coa perspectiva de xénero e a loita contra o cambio climático como eixes transversais de todas as intervencións”, sostivo a alcaldesa.

Méndez destacou, igualmente, o esforzo inversor que se fará encamiñado a culminar a segunda gran transformación da cidade, a súa dinamización económica, a innovación e o emprendemento, cuestións todas de vital importancia para un crecemento económico sólido e continuado. “Para que poidamos seguir medrando, resistindo e respostando de forma proactiva aos retos que impón o contexto global” dixo, en alusión á estratexia Lugo Transforma.

O anuncio do documento, este luns, no BOP foi o derradeiro trámite que permitirá á Administración local comezar a dispoñer dos fondos dende hoxe mesmo, sendo un dos poucos Concellos galegos que contarán con practicamente o exercicio enteiro para materializalos.

A rexedora quixo destacar, alén, o feito de que durante o proceso de alegacións, que rematou o pasado mércores, 11 de xaneiro, non fora presentada nin unha soa reclamación ao respecto nin por parte de colectivos ou particulares, nin tampouco pola dos grupos da oposición que se ben, como xa é costume, rexeitaron estas contas tampouco achegaron, nos cauces establecidos, ningunha outra proposta para modificalas”, o que - considera - é a maior evidencia da súa falta de traballo e compromiso con Lugo.

“O que non se pode é enganar a cidadanía, reunirse con ela e prometerlle obras e infraestruturas, cando logo nin se achegan esas peticións a través de propostas oficiais para que o Goberno poida telas en conta e incluílas nos proxectos a financiar, nin tampouco se lexitiman as contas que permitirían executalas. Un labor que resposta á máis absoluta demagoxia e que en nada beneficia ou reporta ao interese xeral”, concluíu Méndez.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a entrada en vigor dos Orzamentos | Descargar mp3

Noticias relacionadas