O Concello colabora coa I Feira de Emprego Universitario para que “o talento de Lugo se quede na cidade”

A Alcaldesa, o Presidente da Deputación e o presidente da Escola de Finanzas da Coruña inauguran o certame, que pon en contacto a compañías que operan a nivel nacional e mesmo internacional co estudantado lucense para fomentar a inserción laboral

Xoves, 19 de abril de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello colabora coa I Feira de Emprego Universitario para que “o talento de Lugo se quede na cidade”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Presidente da Deputación, Darío Campos, e o presidente da Escola de Finanzas da Coruña, Venancio Salcines, inauguraron este xoves a I Feira de Emprego Universitario organizada por este centro educativo na cidade, en colaboración con ambas entidades lucenses. O obxectivo do certame, que ten lugar no hotel Méndez Núñez, é promover a inserción laboral entre a mocidade, en concreto dos estudantes universitarios e recén graduados, e, deste xeito, dinamizar o tecido socioeconómico de Lugo. Tanto a entrada á feira, como a participación nas actividades que inclúe son gratuítas.

O certame serve para poñer en contacto ás empresas cos universitarios a través de expositores informativos. Participan compañías que operan a nivel nacional e mesmo internacional, como Cafés Candelas, Hotusa ou Aresa. O Concello tamén ten presencia na feira cun stand, no que ofrece aos asistentes información sobre as diferentes iniciativas en materia de emprego que ten en marcha, como o plan Empregalia, dirixido precisamente á mocidade, ou o programa de apoio ao emprendemento Inicia Coworking, ademais do CEI Nodus, o Espazo Lab, a oficina de Europe Direct, e da vindeira apertura dun viveiro de empresas no barrio da Tinería.

Ao mesmo tempo, os estudantes e recén graduados, tanto da Universidade como de FP, ademais de darse a coñecer entre as empresas de cara a unha futura relación laboral, teñen a oportunidade de mellorar o seu perfil curricular asistindo a diversos obradoiros e actividades, entre elas, sobre oratoria, creación dunha marca persoal, presentación dun mesmo nun minuto e medio, poñer en práctica o aprendido coas propias empresas participantes na feira e gravar a presentación para tela a disposición das firmas.

A Alcaldesa subliñou que é fundamental a colaboración entre o ámbito público e o privado para dinamizar o mercado laboral, tratando de “casar a oferta e a demanda”, e que o “talento que temos en Lugo se quede aquí”. “Investimos moito en educación pública como sociedade e non podemos permitir que despois as xeracións mellor formadas se vaian fóra e desenvolvan as súas capacidades noutro territorio”, engadiu Méndez, apuntando que dende o inicio da crise á actualidade o número de lucenses residentes no estranxeiro duplicouse, pasando de máis de 5.000 a superar os 12.000, segundo datos oficiais do Instituto Galego de Estatística (IGE).

Así mesmo, puxo en valor o esforzo do Concello en políticas de emprego, aínda non tendo as competencias, pois estas son da Xunta e do Goberno central, como demostra a consignación de 3M€ para este eido nos Orzamentos municipais deste ano, publicados hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e que mañá mesmo entrarán en vigor.

A Alcaldesa desexou que esta Feira de Emprego Universitario impulsada pola Escola de Finanzas da Coruña sexa “todo un éxito” e se volva a celebrar en anos vindeiros.

Noticias relacionadas