O Concello de Lugo disporá en 2021 de 106’4 millóns de euros para impulsar a recuperación do municipio na etapa post Covid

A Corporación validaba hoxe, cos votos en contra da oposición, o presuposto máis elevado dos últimos exercicios que permitirá destinar máis de 31 millóns de euros ás políticas sociais.

“Uns orzamentos nos que, é unha mágoa, a oposición está ausente, non suma nin os quere apoiar para contribuír a que Lugo saia reforzado, se dinamice, creza e progrese nunha etapa tan crucial como esta que esixe de compromiso, que obriga priorizar o interese xeral e que agradece maior altura de miras”, sostivo a alcaldesa.

Venres, 18 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo disporá en 2021 de 106’4 millóns de euros para impulsar a recuperación do municipio na etapa post Covid

O Concello de Lugo disporá en 2021 dun orzamento de 106’4 millóns de euros, o máis social da historia da cidade co que o goberno de Lara Méndez impulsará a dinamización económica e a recuperación do municipio na etapa post pandemia.

O Pleno aprobaba hoxe, cos votos en contra da oposición, o presuposto para o vindeiro exercicio no que se recolle un incremento do 40% no capítulo de investimentos, así como diferentes partidas que suman máis de 31 millóns de euros para sufragar políticas sociais.

A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, subliñou, durante a súa exposición, que se trata “dun proxecto excepcional para unha situación tamén excepcional, debido á crise sanitaria, o que obriga a administración local a afrontar políticas públicas atrevidas, pero rigorosas que, por unha banda, nos reforcen como cidade de futuro, e por outra, nos axuden a deixar atrás unha situación imposible sequera de imaxinar hai tan só uns meses”.

A concelleira amosou a vontade do executivo por seguir traballando dunha forma proactiva e con anticipación “como así fixo dende minuto cero do Estado de Alarma” e lembrou que “Lugo foi a primeira cidade de España en sacar unha liña de axudas directas por importe de 5M/€, en adoptar medidas que evitasen que centos de empregados de empresas concesionarias tiveran que recorrer a ERTES e en liberalizar o espazo público, habilitando solucións para pular pola viabilidade dos negocios”.

“Tanto esas medidas como agora estes orzamentos conseguirán que, unha vez superada esta crise, a sociedade lucense saia reforzada por ter construído un modelo de cidade avanzado e sostible. Estes 106 millóns converterán Lugo nun municipio robusto, máis social, cos mellores servizos e a mellor atención á cidadanía porque é o benestar das persoas, especialmente as máis vulnerables, o que abordamos como prioridade”.

Así, Alvarellos Fondo resumiu que destes 31’2 millons €, ao redor de 14 se destinarán a políticas asistenciais, especialmente ás familias e á infancia, á emerxencia social, á atención ás persoas maiores e dependentes, á atención á exclusión social, etc...

“Tamén resulta necesario continuar coas axudas aos comerciantes, empresarios, emprendedores e autónomos, para que de igual xeito que xa fixemos neste 2020, tamén no vindeiro ano poidamos poñer en marcha distintas accións que axuden á dinamización económica dos diferentes sectores produtivos. Un fin ao que destinaremos 5’3 millóns de euros que representan o 5% do orzamento”, engadiu ao tempo que subliñou o esforzo inversor realizado, que se incrementará nun 40%, pasando dos 10’4 millóns de euros a 15 M €.

Tanto a responsable da área económica como a alcaldesa, Lara Méndez, que concluíu a sesión, destacaron a importancia deste día.

“Un día feliz, importante, no que aprobamos uns orzamentos expansivos, solidarios, os orzamentos da recuperación, cos que pretendemos que ninguén se quede atrás neste momento tan complexo que está a xerar moitas situacións de dificultade. Uns orzamentos nos que, é unha mágoa, a oposición non está, está ausente, non suma nin os quere apoiar para contribuír a que Lugo saia reforzado, a que Lugo se dinamice, creza e progrese nunha etapa tan crucial como esta que esixe de compromiso, que obriga priorizar o interese xeral e que agradece maior altura de miras”, concluíu a rexedora.

Audio

  • A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre o Pleno de Orzamentos I | Descargar mp3
  • A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre o Pleno de Orzamentos II | Descargar mp3

Noticias relacionadas