Preto dun centenar de deportistas participan este domingo no XXX Duatlón Cidade de Lugo, que se recupera tras a pandemia

O concelleiro de Deportes, Mauricio Repetto, puxo en valor a importancia de ir recuperando á normalidade “polo que representa para os participantes e de atracción de visitantes”.

O campionato respectará todas as medidas de prevención establecidas polo Protocolo Fisicovid-DXT da Federación Galega de Tríatlon.

Venres, 12 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Preto dun centenar de deportistas participan este domingo no XXX Duatlón Cidade de Lugo, que se recupera tras a pandemia

A concellería de Deportes e Xuventude, que dirixe Mauricio Repetto, lembra que o domingo, 14 de novembro, volta a Lugo a XXX Duatlón Cidade de Lugo Memorial Alejandro López, enmarcado dentro do Circuíto Galego, “despois de ser cancelada en 2020 pola pandemia e adiantada a novembro nesta tempada” explicaba o edil.

A  competición  comezará ás 10:30 h. da mañá coa saída masculina e dez minutos máis tarde será a quenda para as mulleres. Nesta ocasión, o centro da mesma estará na Área Recreativa Os Robles, onde se situará a saída, a transición e a meta. 

A participación contará con arredor de 100 deportistas, entre os que se destaca a participación do club local, Cidade de Lugo Fluvial, que ven de gañar a Liga Nacional de Clubs de Tríatlon tanto en categoría masculina coma feminina. 

O edil destacou que este campionato está “plenamente consolidado e xa é unha referencia, na nosa cidade xa que é capaz de atraer aos mellores duatletas”, ademais destacou a participación dos deportistas do club local, o junior Esteban Basanta,Campión do Mundo de Ácuatlon; Manuel Piñeiro, Campión Galego de Tríatlon Cros; así coma Patricia Mulet con claras opcións ao podio feminino.

Repetto puxo en valor a importancia de ir recuperando á normalidade nas competicións deportivas, “non só polo que representan para os participantes senón tamén porque atrae visitantes á cidade, o que permite axudar na recuperación económica, que é unha das grandes apostas da alcaldesa Lara Méndez para a cidade”. 

O campionato celebrarase esta fin de semana seguindo todas as medidas de prevención establecidas polo Protocolo Fisicovid-DXT da Federación Galega de Tríatlon, certificado recentemente pola Secretaría Xeral para o Deporte, para evitar a propagación da COVID-19. Cada participante deberá presentar a certificación de ter a pauta completa de vacinación ou alternativamente, no caso de non tela, un test de antíxenos ou PCR negativo realizado nas 72 horas previas á saída.

Percorrido da Proba:

Os duatletas terán que competir sobre distancia sprint (5 quilómetros a pé -20 quilómetros bicicleta-2,5 quilómetros a pé ) nun circuíto sinalizado entre cada sector os deportistas deben pasar pola transición para facer o cambio de material.

A primeira carreira a pé, contará con dúas voltas a un percorrido de 2.500 metros. A saída terá lugar en Os Robles, discorrerá polo parque de Saamasas, a contorna da Fábrica da Luz, o parque do Pazo de Feiras e Congresos e atravesará cara o paseo Fluvial do Miño para voltar de novo aos Robles.  

O ciclismo levarase a cabo pola estrada de Ombreiro, entre a estación elevadora de augas e o enlace de Marqués de Ombreiro coa Avenida dos Deportes, os deportistas farán tres voltas en bicicleta antes de voltar á transición para iniciar a última volta de carreira a pé ao mesmo percorrido inicial ata o Pazo de Feiras, que os traerá de novo a Os Robles para pasar a liña de meta.

O horario de saídas está establecido da seguinte maneira:

  • 10:30 h.  Saída Masculina
  • 10:40 h. Saída Feminina
  • 12:30 h. Entrega de premios

Noticias relacionadas