Lara Méndez impulsará os primeiros Orzamentos Municipais no 2021 que incorporarán un estudo de impacto de xénero e indicadores de igualdade

Lugo sitúase á vangarda do municipalismo galego nesta materia que “será determinante para consolidar a aplicación da transversalidade de xénero na xestión municipal”, avanzou a rexedora

Identificaranse os programas orzamentarios que obteñan maior influencia nas políticas de igualdade para promocionar un uso máis efectivo dos recursos en atención á situación das mulleres e homes

A concelleira de Igualdade e Muller, Ana González Abelleira, comentou que este novo paso formará parte do IV Plan de Igualdade, que se está a finalizar

Xoves, 09 de xullo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez impulsará os primeiros Orzamentos Municipais no 2021 que incorporarán un estudo de impacto de xénero e indicadores de igualdade

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou que “o os orzamentos municipais elaboraranse por primeira vez con perspectiva de xénero na súa planificación e xestión incorporando, ademais dun Informe de Impacto de Xénero, unha análise de política de gasto municipal con indicadores e medidas a aplicar”. Así o deu a coñecer esta mañá acompañada da Concelleira de  Muller, Igualdade e Xuventude, Ana González Abelleira.

Segundo avanzou a rexedora, “iniciaremos para iso un proceso complexo que require dunha implantación progresiva que levará varios exercicios, pero temos a determinación de que os Orzamentos do 2021 nazan xa ao amparo desta filosofía, coa que buscamos reforzar as políticas encamiñadas a conseguir unha igualdade real”.

Méndez destacou o compromiso firme do Concello de Lugo en dar novos pasos ao fronte co fin de fomentar a igualdade “a través da ferramenta máis potente coa que contamos: os Orzamentos, que é a fotografía que sinala as prioridades de Goberno e o sustento da súa capacidade para concretar as políticas e mostrar a súa priorización”.

Neste senso, afirmou que “Lugo sitúase á vangarda do municipalismo galego nesta materia xa que seremos  o primeiro Concello de Galicia que analizará as contas públicas desde esta perspectiva, máis alá da elaboración dun informe de impacto que están desenvolvendo noutros municipios”.

A rexedora alarmou do risco de que, como pasou noutras pandemias, como o Ëbola, o Zika ou o SARS, tal e como amosaron os estudos académicos, as políticas de igualdade queden relegas a aspectos secundarios, xerando efectos de longa duración, difíciles de reverter no curto ou o medio prazo.  E incidiu que durante esta crise “reforzáronse os roles de xénero xa asentados tanto nos coidados da familia, coas crianzas e na atención ás persoas dependentes, que as mulleres continúan asumindo en maior medida que os homes, e tamén vemos como as mulleres son tamén as máis prexudicadas pola crise económica e como aumentaron os casos de violencia de xénero”.

A concelleira de  Muller e Igualdade, Ana G. Abelleira, comentou que a política de gasto municipal incorporará indicadores e medidas, “ao mesmo tempo que se impartirá na administración formación especializada para o desenvolvemento de ferramentas e dunha metodoloxía que permitan unha correcta análise orzamentaria con enfoque de xénero”.

O Concello comezará así a traballar en varios obxectivos e actuacións, que se incluirán tamén no IV Plan de Igualdade, que se está finalizando, e que son as seguintes:

  • Avaliar o orzamento con impacto de xénero
  • Avaliar a  transversalización das áreas de goberno
  • Analizar a influencia cualitativa dos orzamentos sobre a cidadanía
  • Promocionar un uso máis efectivo dos recursos, en atención á situación das mulleres e homes
  • Abordar a distribución do gasto tendo en conta que os procesos de socialización xeran desigualdade estrutural entre mulleres e homes ,que o gasto público ten que corrixir
  • Analizar as principais brechas de xénero en temas como o traballo produtivo remunerado e os tempos e o traballo dos coidados non remunerados, as condicións de vida e o benestar, a educación, a saúde, o deporte, a seguridade, a vivenda ou o espazo público
  • Estudar o impacto de xénero de cada programa orzamentario municipal. Isto é, analizar o gasto público por programas desde unha perspectiva de xénero, identificando as consecuencias e impactos para mulleres e nenas cando se comparan cos de homes e nenos
  • Identificar nesta primeira fase do traballo aqueles os programas orzamentarios cos que se obteñan maior influencia das políticas de igualdade e traballar prioritariamente con estes programas e estas áreas para incorporar indicadores, obxectivos e medidas concretas
  • Traducir os logros alcanzados en materia de igualdade entre mulleres e homes a unha redistribución dos recursos económicos

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre os orzamentos para a Concellería de Muller | Descargar mp3
  • A concelleira de  Muller, Igualdade e Xuventude, Ana González Abelleira, sobre os orzamentos para a Concellería de Muller | Descargar mp3

Noticias relacionadas