O Executivo de Lara Méndez aprobará esta semana a modificación puntual do PXOM que permitirá descatalogar o edificio de Correos

O documento será validado o mércores en Xunta de Goberno antes da súa remisión ao MITMA xa que ao non tratarse dun cambio substancial non precisa de avaliación ambiental estratéxica.

A Institución localdá por cumpridas, así, as tarefas que tiña asignadas no convenio que mantén coa Consellería de Infraestruturas e o ADIF para construír a Estación Intermodal de Lugo.

A rexedora detacou a importancia de axilizar ao máximo o procedemento “para materializar unha infraestrutura tan necesaria como demandada que fortalecerá a presenza do municipio no mapa ferroviario do país”.

Domingo, 19 de decembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Lara Méndez aprobará esta semana a modificación puntual do PXOM que permitirá descatalogar o edificio de Correos

O Executivo de Lara Méndez procederá este mércores á aprobación inicial da modificación puntual 03, non substancial, do Plan Xeral de Ordenación Municipal, para proceder á descatalogación do Edificio de Correos, sito ao carón da actual estación do Ferrocarril, logo de que o Goberno autonómico descartase, pese ao acordado inicialmente, levala a cabo a través da aprobación dun informe de interpretación de interese público.

O Servizo de Arquitectura da área de Urbanismo dará traslado, así, á Xunta de Goberno da vindeira semana do proxecto técnico que recolle os cambios a realizar no ámbito territorial da ficha L-m53 do Catálogo de Protección do PXOM no que, de forma errónea, se atopaba incluídoodevandito inmoble.

O trámite supón a execución, por parte do Concello, das competencias que este tiña asignadas no convenio de colaboración que mantén coa Xunta de Galicia e o ADIF para posibilitar a construción da Estación Intermodal de Lugo. “Unha infraestrutura tan necesaria como demandada” e que a rexedora, Lara Méndez, recuperou para o debate e a acción política xa durante o pasado mandato.

Trala súa validación polo equipo de Goberno, a Administración local remitirá o documento ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para que informe - con carácter vinculante nas materias que sexan da súa titularidade - sobre o mesmo, de xeito previo á súa aprobación inicial, no prazo de dous meses.

“Ao tratarse dunha modificación non substancial, que non constitúe unha variación fundamental da estratexia e directrices vixentes no Plan Xeral e non produce diferenzas no efectos previstos ou na súa zona de influencia, pode acollerse á tramitación simplicada, quedando eximida do procedemento de avaliación ambiental estratéxica, segundo determinou a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático”, explicou Lara Méndez.

A alcaldesa indicou que, acolléndose ás indicacións realizadas dende Patrimonio Cultural, para a redacción do proxecto o equipo técnico revisou a contorna de protección do edificio da estación do ferrocarril e se estableceron os condicionantes necesarios tanto para a salvagarda do ben protexido como da devandita contorna, sen que isto supuxera a cualificación do mesmo como ben catalogado.

Trala a súa aprobación inicial, o Concello manterá o documento en exposición pública polo prazo dun mes, periodo logo do cal - e da resolución das posibles alegacións que se presenten - o expediente será remitido á Consellería de Urbanismo para que emita informe vinculante. En caso de ser positivo, a Administración local procederá á súa aprobación definitiva coa posterior publicación do acordo no DOG e á remisión dun exemplar do PXOM coa modificación puntual xa incorporada á Consellería de Medio Ambiente para a súa inscrición no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, paso imprescindible e definitivo para darlle eficacia ao acordo.

A rexedora apelou ao cumprimento dos compromisos anunciados polos organismos públicos para materializar a dotación e quixo destacar a importancia de “axilizar todo o posible o procedemento para permitir que Lugo, igual que o resto de Galicia, poida incrementar a súa competitividade e modernizarse, mellorando as súas conexións e avanzando posicións no mapa ferroviario do país”.

Noticias relacionadas